Monday 06 de May de 2024

O concello solicita unha achega para a reordenación e mellora de Pedra Pateira


ESTENDERANSE 281 METROS DE PAVIMENTO CONTINUO DE CAUCHO NO PARQUE INFANTIL E 27 DE PEDRA, ADEMAIS DE REUBICAR ALGÚN XOGO E PLANTAR ÁRBORES DE SOMBRA

O Concello de Riveira acordou solicitar unha achega á Deputación da Coruña co fin de proceder á reordenación e mellora do parque de Pedra Pateira: una zona de ocio que, tras a conclusión das obras relacionadas coa estación depuradora de augas residuais, está vendo como recupera algúns dos elementos, caso da antiga pista deportiva alí enclavada.

A subvención solicitada adscríbese ao Plan Provincial de Medio Ambiente (PMA) 2016 e será polo global do importe da obra: 35.088,84 euros. O prazo de execución son dous meses.

De acordo co proxecto técnico elaborado polos servizos municipais, o que se pretende con esta actuación é mellorar as condicións de acceso ao parque infantil, así como reorganizar a distribución dos xogos e mellorar o seu pavimento para reforzar a seguridade.

De igual xeito, preténdese plantar árbores ornamentais sobre os parterres próximos á zona de xogo coa finalidade de dotar o espazo de máis zonas de sombra.

Na actualidade, o parque dispón de pavimento de area ademais de lousetas de caucho na zona perimetral dos xogos: lousetas que se atopan en mal estado de conservación. Así e logo, preténdese eliminar este pavimento e unificar o tratamento do recinto infantil a través dun novo pavimento continuo de caucho de cores sobre unha superficie de 281 metros cadrados. Este pavimento –di o proxecto- caracterízase por ser duradeiro, limpo, hixiénico e seguro: unha solución que facilita aos máis cativos a súa aprendizaxe á hora de camiñar.

Así mesmo, a carón do parque tamén se vai pavimentar unha zona de entrada con chapa-cuña de pedra, a mesma solución que a executada nas sendas que descorren polo resto do parque. A superficie deste pavimento de pedra é de 37 metros cadrados.

Obradoiro de emprego
Cómpre lembrar que o Concello solicitou conxuntamente con Porto do Son un novo obradoiro de emprego (O Tahume 3) coas especialidades de xardinería e pintura cuxo labores redundarán tamén na mellora deste espazo.